sábado, 26 de abril de 2008


Fai uns meses publicaba aquí, nesta bitácora, a triste historia do naufraxio do petroleiro de bandeira española pertencente á Naviera de Castilla, Bonifaz.

Neste Naufraxio, acontecido o día 3 de xuño de 1964 en augas próximas a cabo Fisterra, perderon a vida vinte e cinco persoas, catro delas veciños de Muros.


A raíz da publicación deste articulo, varios familiares das vítimas do Bonifaz puxéronse en contacto para agradecerme que mantivese viva a chama da lembranza sobre o naufraxio e sobre os mortos e desaparecidos nel.

Unha desas persoas foi, Piedad Hortensia Pereda Muñoz, que xunto cas súas catro irmás fillas todas do matrimonio formado por Gregorio Pereda Sotero e Ángela Muñoz Manso, ambos desaparecidos nesta traxedia, quedáronse orfas a unha idade moi temperá.

O seu tristeiro testemuño impactoume e me emociono de maneira moi profunda.


De Piedad tamén partiu a idea de realizar unha homenaxe as vítimas do Bonifaz, aquí en Muros.

E desde ese instante, o poder chegar a concretar esa idea e lograr facela realidade, converteuse en algo prioritario para min.


Debido á falta de tempo libre de que dispoño, pois paso na mar cinco dos sete días da semana, a empresa de cristalizar a idea en algo tanxible, era para min unha empresa ardua, por non cualificala de imposible; Aquí chegados a este punto entra en escena a recén creada asociación muradana SORUM.

Expuxen a nosa idea perante a súa xunta de goberno, e ao momento acolleron esta iniciativa como súa propia , comprometéndose a xestionar diante do concello e diante das demais administracións publicas, os apoios e as axudas necesarias para levar a bo porto a nosa empresa.


Onte mesmo me comunicaban que por parte do concello muradán , incluíase a iniciativa dentro das xornadas lúdico-culturais de “Muros Mira ou Mar” a celebrar os días 12 e 13 do próximo mes de Xullo.A data da homenaxe será o día 12 de Xullo (sábado) e constará de tres actos.


1º Acto civil que probablemente se celebrará no salón de actos da casa da cultura de Muros.


2º Acto relixioso, a celebrar na igrexa parroquial


3º Ofrenda floral polas vítimas, que posiblemente se fará o pé de “a vella”, escultura no paseo muradán en lembranza dos desaparecidos na mar.


Aínda faltan por perfilar varios detalles de organización e intendencia, pero xa irei publicando nesta mesma páxina todos os detalles.

No hay comentarios: